Presentación exposición Ateneo Ferrolán

«A arte de tódolos tempos parece algo así como unha provocación de experiencias voluntariamente incompletas, subitamente interrompidas a fin de suscitar, gracias a unha expectativa frustrada, a nosa tendencia natural á terminación…» Sirvan as verbas precedentes, que  me permitín coller emprestadas do libro «Obra aberta» de Umberto Eco, como prólogo á presentación desta mostra da obra de Maribel Garrote, da nosa amiga Maribel.

Esta exposición de pintura de Maribel provoca o goce estético que se produce no acto de recrea-la obra contemplada,  goce e satisfacción inherentes ó noso proceso de terminación e interpretación de cada unha das acuarelas expostas.

Semella que cando  Maribel se encontra co papel en branco -o primeiro material co que se encontra sempre un artista, sexa pintor, poeta, escultor ou director de cine- toma a determinación de poñer  en marcha unha factoría de ilusións da que ela é a dona como creadora.

Aprehendendo a realidade con pigmentos e auga, leva ó papel intencionadamente e con honestidade, fuxindo de tópicos e interpretacións cursis , impresións da lagoa de Valdoviño, da praia da Frouxeira, ou da luz amortecida de cor ámbar que, ó cruzar a fiestra, se vai proxectar sobre unha  cadeira da cociña da casa de Lago.

 O pan soe ser unha  metáfora das necesidades básicas que precisamos satisfacer para vivir («gaña-lo pan»,  «o pan dos nosos fillos»), pero para termos un bo manxar temos que lle xunta-lo compango. «Tamén che hei  dar  compango», dicían as nosas aboas. Para  Maribel Garrote a pintura á acuarela é un compango da súa alimentación vital e intelectual

Estas acuarelas resoltas con limpeza, «véndose a auga», con equilibrio de luces e sombras para que «canten» as cores,  como insiste o mestre D. José González Collado -esas cores  que este mestre fai «cantar»  con irritante facilidade- amósannos  o dominio da técnica que posúe a pintora.

Certas  suxestións de regresar ó pasado polos camiños da memoria , de viaxar  cara o futuro guiados polo imaxinación ou de reflexionar sobre o presente, son as consecuencias inmediatas  da recreación artística que insinúan  as paisaxes e bodegóns  de Maribel Garrote.

Coñecín a Maribel a mediados da década dos noventa do pasado século (¡hai que ver como pasa o tempo!) no estudio de D. Ricardo Segura Torrella,  alí asistimos ás derradeiras leccións de debuxo e pintura ó óleo do noso benquerido mestre- as imaxes e os recordos dese estudio aínda hoxe persisten  na memoria dos seus discípulos-  e alí   xuntámonos  un grupo de persoas apaixonadas da pintura á acuarela,  nese estudio tamén  coñeceríamos a quen nos  ía descubrir os arcanos desta técnica pictórica, que tivo a amabilidade de acollernos como discípulos, o  pintor González Collado. Cando falamos de Segura Torrella e de González Collado estamos a falar de dous mestres e así como hai libros que falan doutros libros e cadros que falan doutros cadros, estas acuarelas falan dos mestres  Segura Torrella e González Collado, pero a pintora ten a valentía de falar con voz propia seguindo un sabio e reiterado consello de González Collado: «O artista debe tratar de ser el mesmo».

Cando Maribel me pediu que presentase esta mostra sentinme louvado pola confianza posta na miña persoa  e  aceptei de inmediato, tanto polo afecto e cariño que nos une á miña muller e á min con Maribel e Carlos, como polo interese en poder manifestar ante todos vostedes, en voz alta, o que moitos compañeiros pensamos da forma que ten Maribel de ve-lo mundo a través da pintura.

Que gocen todos vostedes destes fermosos cadros e, tomándome a licencia de se-lo voceiro dos compañeiros e compañeiras do estudio da Rúa San Francisco, en nome de todos eles e no meu: ¡En hora boa!

Antonio  Orozco González